Presentación

Ribadeo de Tapeo 2018

Tapeo

Queremos convidarvos a saborear a vida, un pracer que nos últimos tempos se está a diluír pola velocidade que nos imprime o día a día. Paseniñamente, no sentido máis amplo, o Ribadeo de Tapeo é un deses espazos nos que un se pode perder, encontrar, reencontrar, relaxarse, recargarse...........un lugar para gozar saboreando o tempo entre amigos/as.

Sabemos que os mellores agasallos son os que nos permiten construír recordos, xunto ás persoas que máis queremos, e aquí os nosos/as cociñeiros/as poñen o seu graíño de area, ofrecendo barras máxicas sempre atarefadas, nas que se atopan amigos/as, familias e conversas que flúen entre produtos esenciais da gastronomía local.

O noso pobo é famoso pola súa exquisita gastronomía e a súa arte culinaria, e de todo o que nos identifica, quizais sexa este estereotipo un dos que máis nos agrada.

A través desta arte interpretamos o noso territorio, e queremos que os veciños/as e visitantes sintan a terra usando os produtos que nacen dela.
Xogamos no eixo sinxelo de elixir aquilo xenuíno, sen alharaca, respectando as estacións, gardando fidelidade ao medio, e non o facemos por tendencia, facémolo por convicción.

Un medio ambiente habitado por excelentes petiscos no que a cociña non é só unha forma de saborear os alimentos, é un estilo de vida, unha tradición cultural que traspasa fronteiras.

Durante este décimo terceiro Ribadeo de Tapeo temos como obxectivo por en relevo o papel das tapas como elemento diferencial da nosa gastronomía, así que vos animamos a participar neste xogo de sabores.

Ana María Martínez,
Concelleira de Turismo, Desenvolvemento Local e Comercio.

Compartir:

© Oficina de Turismo de Ribadeo. Praza de España. 27700 Ribadeo (Lugo) // Teléfono: 982 12 86 89 // turismo@ribadeo.org