Facer

POSIBLE INTEGRACIÓN NA REDE DE MUNICIPIOS INDIANOS DO NORTE

Ribadeo Indiano en Fitur

08-02-2020

O concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, explicou que "hoxe tivemos xuntanzas con dúas organizacións relacionadas co mundo indiano: a Xarxa de Municipios Indianos de Catalunya e a Rede de Municipios Indianos do Norte. Falamos dos aspectos nos que podemos colaborar e como mellorar a experiencia indiana". 

Vizoso Galdo subliñou que "cando estivéramos en Lloret de Mar xa manitvemos o primeiro contacto coa Xarxa de Municipios de Catalunya, relación que se mantén. E agora imos valorar a posibilidade de integrarnos na Rede de Municipios Indianos do Norte para seguir reforzando o Ribadeo Indiano así como os nosos lazos de unión con estes Concellos. Queremos tentar, entre todas estas asociacións e colectivos e outros máis que contan cun importante legado indiano de ultramar, traballar para conseguir un itinerario europeo indiano, como ocorreu no seu día co Camiño de Santiago. Ese sería o obxectivo final".

O edil ribadense dixo que "tivemos reunións tamén con turoperadores e axencias relacionadas co Camiño de Santiago de cara ao próximo Xacobeo 2021. Estamos a facer fincapé en Ribadeo como punto de partida do Camiño Norte, xa que hai moita xente que elixe o noso concello para saír desde aquí e facer esta ruta cara Compostela. Sabemos que o peregrino escolle Ribadeo como punto da partida para facer o camiño e o que pretendemos é afianzar a Ribadeo como porta de entrada a Galicia a través do Camiño Norte. Queremos que o peregrino prepare en Ribadeo a súa ruta, que estea con nós un par de días facendo os seus preparativos e que aproveite para coñecernos un pouco máis".

O concelleiro de Turismo engadiu que "neses encontros con axencias de viaxes tamén falamos da creación de diferentes rutas e experiencias para dar a coñecer Ribadeo e toda a súa riqueza paisaxística e monumental". 

Para Pablo Vizoso "o balance destes días de traballo é moi positivo e queremos destacar a presenza de hostaleiros de Ribadeo en Fitur e o traballo conxunto do Concello e de ACISA con eles. Quero agradecer a súa asistencia porque foi un apoio moi notable. A Concellaría de Turismo, en colaboración con ACISA, pretende establecer uns lazos máis fortes coa hostalería e co comercio".

Pola súa banda, o xerente de ACISA, Jesús Pérez, agradeceu "esa forma de traballar cóbado con cóbado coa nosa asociación e cos hostaleiros de Ribadeo. Todos navegamos na mesma dirección, que é conseguir que cada vez Ribadeo reciba máis turistas e que ofrezamos o mellor de nós. Iso será bo para a economía local, para o seu comercio e para a súa hostalería e restauración". 

A delegación ribadense que acudiu a Fitur estivo encabezada polo alcalde, Fernando Suárez, o concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, a técnico de Turismo, Begoña García, o presidente de Acisa, Francisco Iriarte, e o xerente da asociación, Jesús Pérez. Xunto a eles estiveron un nutrido grupo de hostaleiros e empresarios de Ribadeo.

Compartir: