Facer

CHEGARON A ESTE CONCELLO PERSOAS DE 41 NACIONALIDADES

65.878 viaxeiros visitan Ribadeo este verán

04-09-2018

Máis de 41.000 persoas pasaron polas oficinas de turismo de Ribadeo e da praia das Catedrais durante o mes de agosto. A ocupación hostaleira roldou de media o 92%, segundo a concelleira de Turismo, Ana Martínez, quen fai unha valoración positiva destes datos.

A edil ribadense relatou que "o Concello de Ribadeo durante este verán recibiu un total de consultas de 65.878 viaxeiros, nos meses de xullo e agosto. A esta porta de entrada a Galicia temos que destacar que chegan visitantes de cada unha das comunidades autónomas do estado español, así como salientar tamén a importancia deses 41 países diferentes que tiveron presenza en Ribadeo a través dos visitantes que se achegaron. Creo que é un dato moi importante porque supón que Ribadeo está presente e é destino para todo o estado español e a nivel internacional. Polo tanto estamos máis que contentos e agradecidos do traballo que se fai dun xeito conxunto dende o Concello, os establecementos hostaleiros e Asociación de Comerciantes. Creo que o traballo feito dun xeito global ao final recae e trae beneficios para toda a comunidade, para o concello, para o comercio e para a hostalería, e creo que é un xeito importante de traballar".

Ana Martínez subliñou que "estes 65.878 viaxeiros son os que solicitan información nas nosas oficinas, pero tamén temos referencia de que outros tantos veraneantes xa coñecen a vila doutros anos e non precisan pasar pola oficina de turismo. Ademais é importante que moitos dos que viñeron hai un ou dous anos repiten. Os datos mostran que moitos estranxeiros se animan cada vez máis, e conforme van pasando os anos escollen outra forma de viaxar e non exclusivamente a estival, senón que elixen o Camiño Norte como opción para realizar esa peregrinación cara a Compostela. Alemaña, Francia e Italia son os principais países emisores de peregrinos polo noso camiño, mentres que madrileños e cataláns encabezan as procedencias nacionais. Como dato significativo destacar que nestes dous meses se rexistraron camiñantes de 41 países diferentes, tan distantes e diversos como Corea do Sur, Nova Zelanda, México, Arxelia, Bulgaria, China, Xapón e incluso Kenia. Todos eles atraídos pola beleza incomparable deste magnífico camiño ao seu paso por Ribadeo".

A concelleira de Turismo, Comercio e Desenvolvemento Local engadiu que "no balance deste mes de agosto, respecto ao ano pasado, as estatísticas se incrementaron máis de 400 persoas, a pesares de que o mes de xullo foi un tanto frouxo debido á situación meteorolóxica, o mes de agosto veu con forza, e con máis forza que o ano pasado. Estas cifras confirman a posición de Ribadeo á cabeza dos destinos turísticos máis relevantes de Galicia. Os nosos recursos de infraestruturas turísticas xunto cunha ampla oferta de lecer, visitas guiadas, xeorutas, tren turístico, paseos en barco, parque acuático, canoas, vela, etc…, convértennos nun dos destinos máis demandados desta costa norte de Galicia".

Martínez detallou que "o mes de agosto recibiu un total de 41.171 consultas nas nosas instalacións. A oficina de turismo do núcleo urbano de Ribadeo abriu todos os días do mes en horario de mañá e tarde, contabilizando preto de 13.000 viaxeiros, e os días de maior afluencia foron o 7 e o 16 de agosto. O punto de información turística da praia das Catedrais rexistrou un total de 27.321 consultas e os días de maior afluencia foron o 18 de agosto e o 22 de xullo".Procedencias
A edil ribadense tamén se referiu ás pernoitas: "logo de facer unha sondaxe nos aloxamentos de Ribadeo, a media de ocupación neste mes de agosto estivo nun 92%. As súas procedencias, a nivel nacional, segue a destacar Madrid, que é o principal emisor de visitantes cara a Ribadeo, rexistramos nas oficinas 8.083, seguen Cataluña e Andalucía, e preto tamén están Euskadi e a comunidade valenciá. No caso do turismo internacional nótase un relevante incremento dos viaxeiros procedentes de Italia, con respecto a anos anteriores, e destacamos que as procedencias principais son Francia, Alemaña e Italia, seguidos de preto de Reino Unido, Portugal, EE.UU. e Arxentina. Isto fai que o turismo nacional supoña no global un 89´6% e o internacional un 10´3% na oficina de turismo do centro da vila. No punto da praia das Catedrais houbo un incremento do turismo internacional respecto ao ano anterior acadando un 15´3%". 


Ana Martínez seguiu a contar que "como xa salientaba, no balance que fixemos do mes de xullo, o que se achega a Ribadeo de maneira máis ampla, respecto aos últimos anos, é o turismo organizado. Hai uns anos era difícil ver grupos de xente encabezados por un guía visitando a nosa vila. Hoxe é unha referencia case todos os días da semana, e temos un total de 95 grupos que acudiron a solicitar información ás nosas oficinas durante este mes de agosto. Na oficina de turismo do centro rexistráronse 27 grupos mentres que o punto de atención turística das Catedrais rexistrou un total de 68 grupos. Son múltiples as ofertas que presenta Ribadeo para que a xente poida disfrutar cando ven como o camiño de Santiago, pero tamén hai a posibilidade de gozar da ría. Así as viaxes en barco son un punto importante de chegada a Ribadeo, e segundo os datos que se nos facilitan dende o Real Club Náutico de Ribadeo uns 550 barcos transitaron por este porto dende comezos de tempada".

Agradecemento

Para a concelleira de Turismo "todo isto ten detrás o traballo dun grupo de xente que dende as oficinas de turismo do Concello, e o resto do equipo humano do Concello, fan posible que cando o visitante chega a Ribadeo poida disfrutar de múltiples e diversas actividades, ao mesmo que as que se suman a nivel particular de moitas empresas, comercios e diferentes establecementos que entre todos fan esa oferta de ocio e turismo. Durante este verán tivemos percorridos gratuítos guiados desde o Concello, que de luns a venres se organizaron polo noso patrimonio natural e cultural cunha gran aceptación por parte do público. Así houbo un total de 23 visitas guiadas que colgaron o cartel de completas case todos os días. Eu creo que este foi un traballo importante dun grupo de persoas do equipo de Turismo de Ribadeo aos que quero agradecer de xeito moi particular o seu esforzo, porque se organizaron de xeito activo e configuraron un programa magnífico que tivo éxito pola súa achega persoal. Así tiveron os luns o itinerario xeolóxico por Piñeira, os martes a visita ao santuario de Arante, os mércores o percorrido polo patrimonio indiano da vila de Ribadeo, os xoves  o percorrido pola ruta dos comerciantes na vila, e os venres a xeoruta dos Ollos e a ruta do percebe. Eu creo que con todas estas iniciativas, máis outras moitas, fan ese atractivo de Ribadeo. Creo que estas iniciativas contribúen a poñer en valor o noso importante patrimonio cultural e natural, e achegarlle ao visitante unha alternativa moi interesante nestes días de descanso". 

A concelleira de Turismo en Ribadeo mostra "moita satisfacción desde Ribadeo durante este verán. Quero agradecer o traballo humano de toda canta xente contribúe a que este destino sexa referencia, e esperar que o ano que ven volvamos disfrutar de moita xente, e que Ribadeo sega sendo ese punto de referencia en Galicia para todas e todos".

Compartir: