Facer

O REXEDOR DI QUE É PRECISO FACER AS COUSAS

Alegacións ao plan para As Catedrais

11-03-2015

O Concello envioulle á Xunta as alegacións que presenta ao plan de conservación do monumento natural da praia das Catedrais. Nas mesmas pídese que se suspenda a proposta do establecemento dunha cota de acceso ao areal, e que como alternativa se habilite a presenza dun posto de control, que impida a entrada a determinadas zonas se a capacidade de carga se atopa ao máximo permitido, tal e como acontece no Teide. O Concello, segundo deu a coñecer o alcalde, Fernando Suárez, esta mañá solicita que se inicie o estudo de viabilidade para declarar ese espazo coma parque natural e que se fomente a participación e implicación dos axentes económicos e sociais no deseño das medidas que complementen o plan de conservación, e facelos protagonistas na súa transmisión e execución.

Alegacións ao plan para As Catedrais

O rexedor dixo que "finalmente, dentro do prazo legal establecido e despois de que desde o Concello con técnicos municipais e con outros sectores sociais importantes e relevantes de Ribadeo analizásemos as valoracións que facer a este documento, presentamos as nosas alegacións, que van na liña do que vimos mantendo dende hai varios meses, cando iniciamos o procedemento de suxestións, no que non se nos tivo practicamente en conta. Foi algo que lles reprochamos aos responsables autonómicos e esperamos que agora se valoren as nosas propostas. Nós ofrecemos desde logo coma sempre a absoluta e leal colaboración para a conservación deste espazo natural. Pero queremos apuntar que, segundo o que indican eles neste plan de conservación do monumento natural, entendemos que se deben revisar e valorar mellor as consecuencias na economía local e no turismo de facer estas medidas tan restritivas, que non poden ser establecidas de inmediato".

Para Fernando Suárez "cando un quere impoñer medidas drásticas, de súpeto, sen experiencia previa, entendemos que deben ser a posteriori. Primeiro débense implementar progresivamente e deben ser acompañadas doutras medidas: promover máis transporte público, reducir a circulación de vehículos particulares, promover transporte alternativo e, en todo caso, estudar que se vai facer con eses inxentes fluxos de visitantes, que o plan da Xunta non di que facer con eles. Polo tanto pedimos suspender a proposta de restrición de accesos ata desenvolver unha proposta que permita saber que facer con todo ese fluxo turístico".

O alcalde ribadense segue a manifestar que "no canto de facer estas limitacións telemáticas o que propoñemos é que provisionalmente, mentres todo isto non se leve adiante, no lugar de impoñer un sistema de restricións de acceso telemático sexa substituído por un sistema de control e regulación na propia praia, como acontece a día de hoxe en espazos protexidos do Parque Nacional do Teide, por exemplo, onde en determinados momentos impídese o acceso a algunhas zonas se a capacidade de carga das mesmas se atopa ao máximo permitido, obrigando a agardar aos visitantes ata que non abandonen outros".

O Concello segue avogando "porque se teña en conta a nosa proposta, que non é política senón absolutamente técnica, de considerar a figura do parque natural en todo o litoral de Ribadeo para diversificar a oferta turística. E ademais o que queremos é, como non, implicar aos axentes económicos. Non debe esquecer ninguén que As Catedrais sempre estiveron en Ribadeo. Levamos anos sós ante o perigo, por dicilo dunha maneira gráfica, e todos estes inxentes fluxos de turistas, que veñen e que queremos que sigan vindo, queremos que se xestionen dende aquí, porque para iso temos hoteis, restaurantes e unha chea de cousas que ofrecerlles. Queremos que todo o turismo das Catedrais pivote desde Ribadeo".

Suárez Barcia engade que "non lle queremos negar nada a ninguén, pero todo o mundo debe entender que os hostaleiros, a xente que paga os seus impostos de Ribadeo, que con todo iso estamos mantendo toda esta xestión impoñente que significa As Catedrais ao longo do ano, é lexítimo pensar que eses posibles beneficios de toda esa xente deban pivotar tamén desde Ribadeo. Estamos traballando man a man cos comerciantes, cos industriais, cos autónomos e todos debemos facer que As Catedrais sexa unha riqueza medioambiental e paisaxística que temos que conservar, pero non debemos espantar a toda esta xente que vén". O alcalde pensa que "é necesario ir traballando e facendo as cousas con sentidiño e con xeito; e confiamos en que a Xunta e o Concello, ademais das outras administracións, poidamos buscar un acordo. Penso que será unha ledicia para todo o país, para toda a comarca e, como non, desde logo para Ribadeo". Fernando Suárez lembra que "paralelamente o O Concello licitou hai uns días a redacción do plan especial de protección da praia das Catedrais, previsto no PXOM. A este fin destinamos 40.000 euros de fondos propios. As bases do concurso seguen en exposición pública para que todos aqueles profesionais da materia poidan participar no mesmo e despois un tribunal composto por xente cualificada, do Concello e de fóra do Concello, pois tamén indicamos que queremos técnicos da Deputación e da Xunta de Galicia nos comités de valoración das ofertas, escolla a mellor de todo o Estado ou de ámbito internacional, se cabe".

Compartir: