Facer

A INSCRICIÓN ESTÁ ABERTA ATA O 20 DE NOVEMBRO

Guías-intérpretes do litoral

11-11-2017

Guías-intérpretes do litoral

O Concello organiza o II Curso para a Formación de Guías Intérprete do Litoral de Ribadeo. Enmárcase dentro das accións do proxecto Entre Arcos e Cantís, no que participan Ribadeo, Burela e Cedeira e ten como obxectivo principal a promoción dun turismo sostible diferenciado, empregando a xeodiversidade do territorio como fío condutor

A edil Ana Martínez sinala que "se parte da base, de que o noso territorio destaca pola importante biodiversidade que alberga, se ben o interese social e turístico, no caso de Ribadeo, focalízase principalmente no espazo natural da praia das Catedrais e compre romper con esta dinámica e apostar pola valorización de todo o litoral de Ribadeo, transformando á súa vez nunha oportunidade para o aproveitamento socioeconómico compatibilizándoo coa súa conservación e mantemento". 

A concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo explica que "o  Concello coa oferta deste curso quere formar e capacitar a persoas para que podan ser capaces de exercer como guías-intérpretes dos valores naturais e patrimoniais do litoral de Ribadeo e a súa contorna. Desde o Concello de Ribadeo, entendemos que a formación é unha parte fundamental no desenvolvemento do turismo xeolóxico; capacitar ás persoas para que sexan capaces de interpretar o noso patrimonio e se poidan ofrecer unhas visitas de calidade ao tempo de que poida ser unha nova oportunidade de emprego".

Características do curso


O curso estará dirixido a  persoas con inquedanzas sobre a natureza, patrimonio, turismo, riqueza biolóxica e/ou xeolóxica que desexen seguir aprendendo e formándose e teñan interese en traballar como guías locais, e preferentemente a graduados/diplomados en Bioloxía, Ciencias Ambientais, Ciencias do Mar, Xeografía e Historia, Xeoloxía, Agrónomos,  Turismo e similares.  O curso terá unha duración de 30 horas e desenvolverase nas fins de semana os días 25 e 26 novembro  e 2 e 3 de decembro en horario de 10:00 a 17:30 horas. O curso incorporará contidos sobre a xeomorloxía, xeoloxía, bioloxía e patrimonio do litoral de Ribadeo. Estará dirixido por Francisco Canosa, doutor en Xeoloxía e experto na costa de Ribadeo e contará coa colaboración de profesionais en materia de bioloxía, patrimonio e turismo. 

O curso estará formado por parte práctica e saídas ao campo. A formación contará cun total  20 prazas e o prazo límite de inscrición é o 20 de novembro. Para máis información e inscrición as persoas interesadas poden poñerse en contacto co Concello no teléfono 982 128 650 ou no correo 
mailto:adl@ribadeo.org

As bases de participación estarán colgadas na sede electrónica do Concello.



Ana Martínez lembrou que "no ano 2014 desenvolveuse o primeiro curso de guías intérpretes do litoral de Ribadeo, que veu complementado posteriormente coa creación das Xeorrutas de As Catedrais e de Rinlo, ambas véñense ofrecendo ás persoas visitantes e aos locais tendo unha gran acollida. Estes itinerarios xeolóxicos no litoral de Ribadeo se incorporan aos atractivos naturais, xeomorfolóxicos, da paisaxe, patrimoniais, históricos e etnográficos, que abondan no litoral de Ribadeo".

Este curso está incorporado no proxecto Entre Arcos e Cantís, no que participan os Concellos de Burela, Cedeira e Ribadeo, "e ten como obxectivo a formación de persoas especializadas nos valores naturais de Ribadeo, o que permitirá ofrecer visitas interpretadas de calidade para afondar na relación do patrimonio coas persoas visitantes. Dalgunha maneira para o Concello significa a dinamización dun nicho de mercado, especializado no turismo de natureza sempre desde unha óptica de sostibilidade e facilitar que permita a creación de emprego neste eido. Estas medidas deben axudar á canalización e control dos fluxos turísticos, orientada a garantir a conservación do entorno cultural e natural do espazo así como garantir un experiencia de visita de calidade".

Compartir: