Facer

O Entroido Ribadeo nas Redes Sociais

O Entroido de Ribadeo nas Redes Sociais

12-02-2015

A comisión do Entroido de Ribadeo potencia a proxección da festa nas redes sociais coa posta en marcha de dous concursos en Facebook.

Entroido Ribadeo 2015 @s máis larpeir@s

A comisión organizadora do Entroido de Ribadeo estrea o 12 de febreiro, un concurso nas redes sociais para elixir aos mellores disfraces que percorrerán as rúas e establecementos ribadenses ata o 18 de febreiro.

Con esta iniciativa a nova comisión pretende converter o Entroido ribadense nunha actividade moito máis dinámica e interactiva, na que as redes sociais teñan unha forte presenza.

Os ribadenses poderán subir as súas fotos disfrazados a través da nova APP que se acaba de crear no Facebook oficial Entroido Ribadeo: https://www.facebook.com/entroidoribadeo.

As instantáneas participantes concursarán en catro categorías (mellor disfrace individual, mellor disfrace en parella, mellor disfrace en grupo e mellor local/profesional/camareir@ caracterizad@) e someteranse aos votos dos visitantes virtuais.  Os premios aos máis votados entregaranse o sábado, 21 de febreiro, antes da Queima do Entroido, diante da Casa do Concello ribadense.

Ademais, dende primeira hora do vindeiro luns, a comisión lanzará outra nova APP en Facebook para participar na elección dos gañadores do concurso @s m@is larpeir@s. As votacións estarán só abertas ata o mércores 18 e no concurso  poderán participar todas aquelas persoas que, soas ou en compañía, aparezan nas súas fotografías comendo un cocido e celebrando o Entroido nun dos establecementos hostaleiros ribadenses adheridos a esta iniciativa. Os gañadores levarán unha cesta de produtos de Entroido doada polo supermercado Gadis, ademais de 75 euros en metálico aportados por Grupo Pasillo. 

Os que se animen a degustar este cocido ribadense, poderán facelo o luns 16,  nun total de 21 establecementos hostaleiros entre os que están: Costa Verde, La Botellería, A Villa, O Cabazo, O Voar,La Quinta Asador, O Lar de Manolo, Molino (só cea), Parador de Ribadeo, O Lar de Carmiña, Pizzbur&Cía, Portón Ribanova - Bar Ancla, A Dorada do Cantábrico,Casa Domingo, Casa Foguete, Casa Pepe - O Piano, El Huerto, Oviedo Bar 2 Rolle, San Miguel (só comida), Tmos e El Galicia.

Dende a comisión organizadora, presidida por David Martínez, agradecen a implicación dos veciños e dos restaurantes participantes e destacan a alta participación obtida por estes establecementos hostaleiros para facer posible o concurso @s m@is larpeir@s. Ademais, recordan que haberá catro grandes categorías premiadas. A primeira será a de mellor disfrace individual, que levará un vale de compra por valor de 50 euros na tenda ribadense Hola Ola!. A segunda outorgará un bono gastronómico/menú degustación para dúas persoas no Hotel Restaurante O Voar para o mellor disfrace en parella, agasallo doado por Café Bar O Cantón e Hotel Restaurante O Voar. A terceira premiará ao mellor disfrace en grupo e obsequiará aos gañadores cunha cesta de produtos de Entroido doada pola Praza de Abastos de Ribadeo. E xa na cuarta e última categoría haberá agasallos para o mellor local ribadense caracterizado, que obterá unha placa conmemorativa, e para o mellor profesional ou camareir@ caracterizad@, que levará unha medalla conmemorativa de recoñecemento.

Compartir: