Facer

Festas, eventos e mercados

Coco e Coca

Son moitos e moi variados os acontecementos festivos, culturais, deportivos, e comerciais que teñen lugar en Ribadeo ao longo do ano.

Comezando polas festas de índole relixiosa cómpre destacar,as da Semana Santa, con actos organizados pola Asociación de Amigos da Semana Santa; as festas do Carme, nas que cada 16 de xullo se honra á patroa das xentes do mar nos portos de Ribadeo e Rinlo; as festas de San Roque, co-patrono de Ribadeo, coa saída dos Cocos, que se celebran o 16 de agosto e as patronais de Ribadeo, que teñen lugar o 8 de setembro na honra de Santa María do Campo, na chamada Semana Grande da vila. Na que destacan os actos culturais con teatro, marionetas, concertos, actividades para nenos, os tradicionais desfiles do Coco e da Coca e os fogos artificiais da noite do día 7.

Cun carácter máis popular e etnográfico sobresae a festa das Cruces, a finais de maio en Arante na que se conmemora a inicial vitoria dos lugareños contra as tropas napoleónicas durante a Guerra da Independencia; ou a Xira de Santa Cruz, que se celebra o primeiro domingo de agosto cunha romaría animada por grupos de gaitas e ofrendas florais nos montes de Ove e que está recoñecida como festa de Interese Turístico Nacional. Esta mesma data quedou fixada tamén, en 1965 como Día da Gaita Galega.

Neste punto é necesario tamén mencionar o Entroido, que pola súa longa tradición e grande asistencia de público é un dos máis importantes do norte galego e de Asturias. Destacan as súas numerosas comparsas e charangas, a festa da Filloa, as celebracións do martes de Entroido e a queima do Entroido no sábado seguinte. Esta celebración figura no Libro Guinnes por ter en 1998 o maior boneco de Entroido de toda España.

No apartado das festas gastronómicas destacan a do percebe, en Rinlo, e a da carne ao caldeiro, en Remourelle (Arante).

Festivais e outros eventos

En Ribadeo organízanse tamén importantes eventos culturais e deportivos... entre os que destacamos:

  • Festival creativo de curtas On & Off. A comezos de agosto este festival converte as rúas nun escenario xigante ao que acoden moitos/as afeccionados/as do audiovisual para rodar e mesmo participar como actores e actrices. A tecnoloxía dixital posibilita unha filmación, produción e exhibición case inmediatas. Celébrase desde o ano 2005 e inclúe actividades formativas. Máis información na web oficial do festival.
  • Xornadas 'Mar por Medio'. 'Mar por Medio' está consolidado como un dos eventos culturais máis relevantes do país. Celébrase anualmente desde 1993 e nas súas últimas edicións centrouse nas diferentes estratexias de difusión da nosa cultura, sobre todo nos países da lusofonía e Iberoamérica.
  • Mostra de teatro afeccionado Daniel Cortezón. No mes de setembro Ribadeo pon en valor e difunde o teatro afeccionado de calidade con esta mostra que leva o nome do escritor ribadense Daniel Cortezón, cuxas obras pertencen á historia do teatro galego do pasado século.
  • Festival de habaneras e música hispanoamericana 'Ría de Ribadeo'. Cita estival organizada pola Coral Polifónica e o Concello de Ribadeo desde 1994. Promove a difusión da actividade coral a través de intercambios con outras corais galegas e foráneas, nomeadamente asturianas.
  • Festival Internacional de Música Clásica de Ribadeo. Leopoldo Erice dirixe e organiza desde 2006, co apoio e patrocinio da Fundación Caixa Galicia e do Concello de Ribadeo, este festival de música clásica. Acoden a el artistas nacionais e internacionais de gran calidade.
  • Trofeo de Fútbol 'Enma Cuervo'. O vicedecano dos trofeos futbolísticos de verán que se desputan en España ten lugar cada ano no mes de agosto, desde hai máis de medio século, no estadio municipal Pepe Barrera.
  • Concurso de tapas 'Ribadeo de tapeo'. Concurso gastronómico que ten lugar na terceira semana de maio. A cociña en miniatura e os establecementos de hostalería da zona son os seus protagonistas.

Feiras e mercados

Mercado en Ribadeo

Ribadeo mantén a súa histórica tradición comercial con mercados como o 'dos domingos', coñecido así por ter lugar o segundo domingo de cada mes, no inverno, e todos os domingos do verán. Ten lugar na Praza de Abastos coa colaboración da Asociación de Produtores da Horta A Sucadoira e é un dos mellores escaparates da zona para os produtos hortícolas. Tamén se pode atopar unha gran variedade de artigos no mercado que se celebra, no mesmo lugar, todos os mércores do ano .

Con motivo do peche da campaña de verán do mercado dos domingos tamén se celebra a 'Feira de produtos da horta', cuxa posta en marcha se lle debe ao grupo de desenvolvemento rural da Asociación Puente de Los Santos, a través do programa Leader. Ten lugar na praza central da vila nunha fin de semana da segunda quincena de setembro e grazas tamén á colaboración da Asociación de Produtores da Horta A Sucadoira.

Cunha periodicidade anual, sobresae o Mercado de Nadal. Vencellado aos produtos de tempada e agasallos e cunha orixe moi antiga, recuperouse de novo no ano 2003. Ten lugar na ponte da Constitución no parque de San Francisco, onde venden as súas mercadorías diversos artesáns e vendedores de manufacturas e produtos do campo. Conta tamén cunha grande variedade de produtos e de actividades para nenos e maiores. Tamén na Praza de Abastos se celebra todos os mércores do ano o Mercado dos mércores, onde se poden atopar todo tipo de produtos de primeira calidade.

Ligazóns

Compartir: