Ruta das Praias
Porto de Rinlo

Esta ruta segue a liña do litoral ribadense e permite coñecer ao seu paso a sucesión de entrantes, saíntes, praias recollidas e enseadas rochosas que o identifica e que o converte nun espazo natural protexido e catalogado como Rede Natura.
A ruta parte de Rinlo, unha pequena vila que ten a súa orixe nun porto baleeiro de máis de 500 anos de historia. Na actualidade é un pequeno e pintoresco porto pesqueiro coñecido popularmente como o lugar onde se crían os mellores percebes, lagostas, lumbrigantes e centolas de toda a costa Cantábrica.
De camiño cara Xuncos

Dende Rinlo, o camiño continúa cara a praia de Xuncos, un pequeno areal de aspecto rochoso e con cantís abruptos, de area fina e branca. Dende aquí a ruta segue cara á praia dos Castros, a praia máis emblemática de Ribadeo despois de As Catedrais que, debido á súa situación fai que sexa a praia cunha maior oleaxe da costa ribadense.
A ruta continúa cara á praia das Illas, que se expande entre un conxunto de pequenas illas e a costa, constituindo unha paisaxe moi digna de contemplar. Esta praia, coa marea baixa, únese á dos Castros deixando ao descuberto un paseo pola area entre pozas, rochas e cantís.
De Esteiro ás Catedrais
Seguindo a sinalización da ruta chegarase á praia de Esteiro, unha das máis singulares do concello pola forma da súa enseada en forma de arco que se ensancha cara ao mar.
Finalmente, chégase á praia de Augasantas, popularmente coñecida como a das Catedrais, un espazo único e de extraordinaria beleza. É necesario ter en conta que debe visitarse coa marea baixa, xa que ao subir o nivel do mar queda totalmente cuberta pola auga.