Facer

Ruta A Pegada Relixiosa

Esta ruta urbana de fácil percorrido transcorre polos distintos signos relixiosos do casco urbano de Ribadeo: igrexas, capelas e conventos, por onde poderás coñecer outras historias e anecdótas da historia de Ribadeo.

Fóra do trazado de ruta propoñemoste que visites outras capelas como son a Atalaia, San Miguel e San Lázaro.

Praza de España

Praza de España

É hoxe o corazón da vila, aínda que noutro tempo se situaba na súa periferia, xunto á muralla medieval. Diversas construcións permítennos percorrer a súa historia: vivendas fidalgas, o pazo de Ibáñez (hoxe sede municipal), fachadas modernistas, a cosmopolita Torre dos Moreno, a Alfándega ou a Oficina de Turismo.

No centro asoma un arboredo exuberante, presente desde o século XVIII, mentres varias esculturas homenaxean a dous ilustres fillos de Ribadeo: José Ma Alonso Trelles y Jarén ( El Viejo Pancho) e Dionisio Gamallo Fierros.


Convento de Santa Clara

Convento de Santa Clara

Descoñécese a data exacta da súa fundación, aínda que as noticias máis antigas son do século XIV. O conxunto ten unha azarosa historia, xa que foi practicamente destruído por un incendio no século XVI e gravemente danado, no XIX, ó ser utilizado como cuartel polas tropas napoleónicas e logo como hospital militar.

O templo conserva no seu interior a estrutura orixinal xunto cunha interesante colección de imaxes.


Igrexa de Santa María do Campo

Igrexa de Santa María do Campo

Foi parte do convento franciscano fundado, segundo a tradición, por Francisco de Asís durante a súa peregrinación a Compostela.

Este edificio, situado extramuros, conta cunha longa historia. Pouco queda xa do templo medieval e menos aínda das instalacións dos relixiosos. Si se conservan elementos artísticos diversos como imaxinería barroca e neoclásica.

No seu interior garda os escudos de armas de importantes familias fidalgas de Ribadeo. A súa fachada exhibe ornamentación medieval en zig-zag, característica dos templos mendicantes , e que se repite na capela da Atalaia.

Praza de Abastos

Praza de Abastos

Este elegante edificio foi unha doazón á cidade de D. Ramón González Fernández, indiano que apoiou outras moitas iniciativas como a Biblioteca e o Ateneo.

De estilo “art decó”, segundo deseños do arquitecto Ramiro Saiz, inaugurouse en 1925.

É un claro exemplo da arquitectura baseada en forxados de ferro e formigón tan utilizada nas primeiras décadas do século XX e que dotaba de certa elegancia a edificios funcionais.

Ao seu arredor celébrase cada mércores o mercado da vila, continuando unha tradición de orixe medieval.




Avenida de Galicia

Na segunda metade do século XX Ribadeo consolidouse como cabeceira comarcal, núcleo de servizos e comercio, así como enclave turístico. O seu espazo urbano ampliouse, ocupando mesmo parroquias veciñas. A estación de tren, os novos centros educativos ou a antiga estrada de Asturias serviron como focos de atracción, de maneira que a zona urbana medrou ata os envolver. A Avenida de Galicia é un deses novos eixes de expansión e hoxe configúrase como un espazo residencial e comercial.

Capela da Virxe do Camiño

Aínda que o edificio actual é do século XIX, o retablo do seu interior é do XVII, o que permite intuír a antigüidade do templo, se cadra medieval. Debe o seu nome ó feito de se achar no camiño que unía Ribadeo con Viveiro e Mondoñedo, aínda que tamén é posible que a advocación se relacione coa peregrinación jacobea.

O seu altar maior, rematado en 1699, é unha obra barroca de Tirso Toxeiro; presidido por unha imaxe da Virxe, xunto a Santa Lucía e San Pablo, nel poden admirarse as antigas armas do concello de Ribadeo: unha chave sobre as ondas do mar.

Capela de San Roque

Capela de San Roque

A necesidade de se protexer da peste e outras enfermidades infecciosas provocou a construción en toda Galicia de templos dedicados á devoción de San Roque.

Este de Ribadeo é do século XVI e desde o momento da súa fundación gozou da predilección dos ribadenses.

A capela experimentou diversas ampliacións, a máis importante no século XVIII. De entón data o seu retablo, presidido polo santo patrón ó que acompañan, entre outros, San Sebastián, San Domingos e Santo Tomé de Aquino.

Ligazóns

Descargas

Compartir: