Ver

Convento de Santa Clara

Convento de Santa Clara

Trátase dun conxunto arquitectónico que orixinariamente era un beaterio fundado no século XI, transformándose en convento no S. XIV (1366).

O conxunto foi practicamente destruído por mor dun incendio no século XVI (1544).  Na segunda metade do século  XVI fundouse unha pequena capela baixo a advocación de San Pedro e nos S. XVII e S.XVIII a comunidade que congregaba era posuidora de boas  rendas (23 casas, 7 caseríos, soutos, muíños, prados...).

No 1809 foi gravemente danado e sufriu a perda dunha boa parte do seu arquivo ao ser ocupado, durante a guerra da Independencia , polas tropas de Napoleón.  Entre 1810 e 1812 o edificio funcionou como hospital militar e posteriormente como albergue de enfermos transeúntes. En 1855 este convento estivo a punto de desaparecer debido a unha Real Orde.

Actualmente o convento está formado por un edificio rectangular  que conserva no seu interior a estrutura orixinal. A igrexa consta dunha soa nave con arco triunfal que dá paso ao presbiterio.

O claustro central,  do século XVIII, forma un cadrado con arcos de medio punto no primeiro piso e o teito é de artesoado sinxelo. O terceiro piso ten dúas ás con arcos abertos e posúe unha cociña monástica do século XVII.

Convento de Santa Clara

Sobre o lintel de granito da porta de entrada hai unha inscrición que di Haec est domus paupertatis (esta é a casa da pobreza), palabras que mandou poñer Santa Clara na porta dos seus mosteiros.

Do conxunto sobresae a súa magnífica torre de planta cadrada, con dobre arco de medio punto, rematada cunha espadana.

Compartir: