Facer

15. A Devesa

Nesta parroquia ribadense atopase un diseminado núcleo poboacional, situado ao longo dun tramo da N-634, que constitúe un asentamento indiano de elevado valor arquitectónico e histórico, como é o Círculo Habaneiro.

Casa Colorada

A construción data de 1919. O inmoble consta de dúas plantas e un baixo cuberta, con tellado de lousa a dúas augas. A edificación tiña un uso exclusivamente residencial. O seu promotor amaba a flora e no xardín crecen palmeiras, iucas e araucarias, ademais de albergar un curioso pombal que inclúe un depósito de auga en alto que lle outorga aparencia de faro, un curral para parrulos, unha fonte, un forno, un merendeiro e unha pérgola. A casa, pois era e segue sendo un pequeno complexo de descanso, tal como a pergeñó un ribadense emigrado a Cuba que retornou con fortuna.

Casa de don Lourenzo

Palmeiras, araucarias, magnolios e salgueiros identifican o terreo onde foi edificada a Casa de don Lourenzo, rodeada dun muro de peche que garante total intimidade. A vivenda é de sinxela factura, en certo modo convencional, con dúas plantas e baixo cuberta.

Casa-torre de Maseda

Construída en 1924 por orde de Ramón Maseda Villamil, esta casa grande álzase xunto ao vial (a actual estrada N-634), cun espazo intermedio a xeito de beirarrúa "privada", aínda que para acceder ao terreo hai que franquear un peche. Cabe destacar a presenza dunha palmeira de gran tamaño, que comparte espazo con magnolios e outras especies exóticas e autóctonas.

Casa Place Margarita

Construída en 1926, constitúe o máis completo expoñente da influencia norteamericana (ou estadounidense) nos criterios dos construtivos dos indianos. O seu promotor foi Manuel Fernández López, nacido en Ribadeo, que emigrou a Estados Unidos (exactamente ao estado da Florida), onde fixo fortuna no sector da construción, onde foi deseñada a casa que levantou na Devesa e de onde importou varios materiais.

Un aspecto a destacar da influencia norteamericana na estrutura da Casa Place Margarita é a adaptación do terreo ao uso do automóbil, que en Estados Unidos, avanzada a década de 1920, empezaba a deixar de ser un ben exclusivo da elite; motivo polo que no inmoble foi habilitado un soto como garaxe, que mesmo ten entrada e saída de vehículos independentes. A pesar da influencia estadounidense, a casa grande ten detalles autóctonos, como os soportais, as terrazas e os sotabancos.

Casa Maseda

Esta vivenda, edificada en 1920, chama a atención polas súas xenerosas dimensións e pola charramangueira ornamentación da súa fachada principal. Á esquerda da vivenda, situada xunto á estrada, semiocultos por dúas frondosas árbores o terreo alberga galiñeiro, lavadoiro e pozo. Na parte posterior o propietario e promotor dispuxo un amplo xardín que aínda conserva varias árbores plantadas fai xa case un século, cando foi levantado o inmoble e, loxicamente, tamén hai a "obrigada" palmeira.

Compartir: